Alumnado do IES Punta Candieira visita GABADI no marco do programa Atrévete de fomento do emprendemento

Un total de 60 alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES Punta Candieira participaron nunha visita á empresa asociada GABADI, S.L., no marco do convenio coa Xunta de Galicia e do programa Atrévete de fomento do emprendemento, no que colabora COFER.

Esta iniciativa ten como obxectivo achegar o alumnado á realidade empresarial e fomentar os valores do emprendemento entre a mocidade, facilitando o coñecemento directo do funcionamento das empresas e das oportunidades profesionais existentes no territorio.

Durante a visita, o alumnado puido coñecer de primeira man a actividade de GABADI, unha empresa do sector naval con máis de 35 anos de experiencia, que desenvolve a súa actividade en ámbitos como a habilitación naval (civil e militar), a construción e reparación de tanques LNG e o sector offshore, onde participa na construción de módulos habitacionais en contornas complexas.

A xornada permitiu aos estudantes aproximarse ao día a día dunha empresa industrial e comprender mellor os procesos produtivos, a organización do traballo e as diferentes saídas profesionais vinculadas ao sector.

Desde COFER valoramos moi positivamente este tipo de accións, que contribúen a reforzar a conexión entre o ámbito educativo e o tecido empresarial, promovendo vocacións e facilitando o desenvolvemento futuro da comarca.

Queremos agradecer ao IES Punta Candieira e a GABADI, S.L. a súa excelente acollida e a súa colaboración neste tipo de iniciativas.

Scroll al inicio
Ir al contenido