COFER, en colaboración co GDR Seitura 22 e o Concello de Narón, organizou unha xornada informativa para dar a coñecer a nova convocatoria das Axudas Leader, dirixidas ao impulso de proxectos de desenvolvemento rural nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, así como nos concellos de Miño e Vilarmaior.
Estas axudas están destinadas a financiar tanto proxectos empresariais como iniciativas agroecolóxicas, cunha especial prioridade na creación de emprego e na dinamización do tecido económico no medio rural. A convocatoria conta cunha dotación de máis dun millón de euros, podendo acadar unha intensidade de ata o 50% do investimento subvencionable.
Como novidade nesta edición, determinados proxectos poderán beneficiarse do denominado “Bono Activa Rural”, unha liña de apoio orientada a actividades que non requiren investimento fixo, ampliando así as posibilidades de acceso a estas axudas.
A xornada contou cunha destacada participación de promotores e persoas interesadas, que tiveron a oportunidade de coñecer en detalle os requisitos da convocatoria e resolver dúbidas. A exposición principal correu a cargo de Miguel Teixido, do GDR Seitura 22, quen explicou o funcionamento das axudas e os criterios de acceso.
Ademais, a sesión incluíu a intervención de Juan Carlos Platas, de Proyectos Soluciones Instalaciones Galicia, S.L., que compartiu a súa experiencia como beneficiario do programa Leader en As Pontes, achegando unha visión práctica sobre o impacto destas axudas.
A presentación da xornada estivo a cargo de Yadira Tenreiro López, en representación de COFER.
O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 6 de abril. Desde a organización animan a todas as persoas interesadas a aproveitar esta oportunidade para impulsar novas iniciativas no ámbito rural.


