O Café Teatro de Narón acollerá o vindeiro 17 de marzo ás 9:30 horas unha xornada informativa sobre as Axudas Leader para o emprendemento no rural, organizada polo Concello de Narón, COFER e Seitura 22.
A convocatoria destas axudas conta cunha dotación de máis dun millón de euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos produtivos e non produtivos nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como nos concellos de Miño e Vilarmaior. As axudas poden alcanzar ata 200.000 euros por proxecto, e o prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 6 de abril.
Durante a xornada, o GDR Seitura 22, entidade encargada da xestión destas axudas no territorio, ofrecerá información detallada sobre a convocatoria, explicará os requisitos de participación e resolverá as dúbidas das persoas asistentes. Ademais, contarase coa intervención dun emprendedor beneficiario do programa, que compartirá a súa experiencia coas axudas Leader.
A entrada á xornada é libre, previa inscrición, que se poderá realizar chamando ao 981 333 305 ou enviando un correo electrónico a info@cofer.es.
Esta iniciativa busca dar a coñecer as oportunidades de financiamento existentes para impulsar novos proxectos empresariais e iniciativas de desenvolvemento no medio rural, contribuíndo así ao dinamismo económico do territorio.


